O magnetismo dos autorretratos, limiar a O imaxinario do país. Letras de magnesio, de Anxo Cabada

Permítome reproducir aquí as liñas limiares que acompañan o catálogo da exposición O imaxinario do país. Letras de magnesio, de Anxo Cabada, que aínda se pode visitar na Casa das Artes de Vigo, ata o 9 de setembro.

 

 

 

 

 

 

Hai personalidades e mesmo experiencias que teñen que ver coa actividade intelectual que se adoitan cualificar como magnéticas debido á forza de atracción que exercen, polas razóns que fosen, sobre unha persoa. Isto foi o que particularmente sentín cando Anxo Cabada deixou nas miñas mans esta orixinal intervención artística que conxuga, con tanto acerto,  imaxe e palabra.

No limiar de Materia de sombras (Deputación de Pontevedra, 2005) o propio Cabada afirmaba nunhas liñas prologais que “a fotografía, coma a arte, non é máis que a representación e formación dunha materia”. Neste libro, ao meu ver, exemplifica á perfección a verdade que se encerra da devandita sentenza. Non “é máis” pero diría eu que tampouco “non é menos” o papel que o fotógrafo desempeña neste proceso pois só el é quen de captar a esencia, revelar o que en aparencia está oculto, por veces perseguindo ese preciso contraste lumínico conseguido como se continuase na vella tradición da ignición manual daquel fantástico pó de magnesio: é nesa luzada, irrepetible e única, cando se capta “o momento”, en tantas ocasións máxico, mesmo non sei se ás veces epifánico, en que a materia fotografada, neste caso escritoras e escritores de noso, se transforma noutra cousa que vai máis alá dos rostros, das  olladas, das mans ou dos posicionamentos corporais que se adoptan, porque o que nelas e neles se transloce –cando menos así o vexo eu- é esa auréola invisible que está a piques de se transformar nun remuíño de palabras contidas, case sempre en tensión, á espera de corporeizarse nun caderno, nunha pantalla dun ordenador, nunha tableta…,  non sei eu se coa pretensión quer de cambiar o mundo, este noso mundo, quer talvez axudar a cambialo. É ese nimbo que vexo o que precede contar realidades e ficcións do noso pasado, do noso presente ou do futuro; ese nimbo que ficciona sobre atmosferas e tempos diversos, sobre a morte e o amor, a vinganza ou a lealdade, a soidade ou a infelicidade…, sempre desde nós.

Afirmar, nun prólogo como este é o caso, que o proxecto artístico que ideou e levou a cabo Cabada me resultou fascinante talvez poida entenderse como unha hipérbole obrigada pola función que estas liñas deben suxerir, mais na realidade así o acredito. Paréceme fascinante pola orixinalidade da súa concepción que nace de aplicar unha dinámica particular que talvez só a mente dun fotógrafo sería quen de deseñar: falamos de “autorretratos”, abofé, pero hainos visuais, por unha banda, e non porque quen poboa coa súa imaxe este libro sexa responsable do proceso mediante o que se recolle a imaxe, senón porque elas e eles son os que, naturalmente, se transparentan como son e como queren que os vexamos os demais e aí está o traballo e a intuición de Cabada; mais tamén son, maioritariamente, autorretratos “discursivos” onde escritoras e escritores tamén permiten coas súas reflexións que nos asomemos, nesa escolla plural e felizmente interxeracional que constitúen, ao que nos teñen que dicir, ou ao que queren dicir sobre esa difícil arte que é a de (re)coñecerse, isto é, ver como asumen o intento de desvelar o “inaccesíbel á ollada” como un poeta di neste libro, mais tamén como ven o exercicio da creación, isto é, espir as dimensións da palabra como ferramenta de traballo. Todo un reto, todo un desafío que conleva aparellado un exercicio de recoñecemento para quen admiramos, lemos e seguimos a este grupo que persoas aquí retratadas, que aquí se retratan.

As imaxes, ao meu ver, ofrecen unha panorámica ricaz, plual e vizosa de persoas que une o amor pola creación literaria en lingua galega. Gústame reparar nas diferentes disposicións corporais que exhiben; na variedade de olladas que aquí reflicten: profundas, fuxidías, intensas, luminosas, esquivas, amables, desafiantes ou doces; nos rostros con sorrisos ás veces levemente iniciados, francamente abertos e noutros casos con ricto serio, grave ou concentrado, transparentando cansazo, preocupación, serenidade e, en ocasións,  contaxiando certas faíscas de melancolía; nesas  mans, que tan ben revelan o paso do tempo e que, desde posicións particulares, suxiren o camiño que os conduciu, que os conduce, que os conducirá a darlle forma ao pensamento. Nesas partes do corpo, que Cabada axuda a ver, mais tamén en todo aquilo que está oculto, se revelan as inequívocas e heteroxéneas doses de intelixencia, enxeño e talento das persoas que por aquí transitan, amosándose sempre libremente. Nelas e neles aséntase boa parte, ou cando menos unha parte substancial, da nosa República das Letras, esa que realmente é a que alimenta os nosos soños e as nosas vidas.

Non teño dúbida de que este proxecto, que harmoniza a arte fotográfica coa palabra de noso ha ser, é xa, un cobizado e orixinal obxecto artístico e literario, entre outras razóns porque quen lle dá vida olla para si e dinos como se ve mais ao tempo posibilita que estas voces dialoguen entre si e mesmo que miren para nós desde o silencio, en tantas ocasión tan elocuente. Será deste xeito como as súas imaxes quedarán retidas nos fíos da memoria de quen se achegue a esta iniciativa pois as imaxes que Cabada subscribe derívanse da consciencia de que con elas apreixa o tempo: algo sempre inquietante, pois desatan sen poder evitalo esa torrenteira de evocacións persoais e intransferibles para os que temos a fortuna de tratar a algunhas das persoas que aquí viaxan, mais tamén están xa  a mirar para un futuro que sempre desasosega por descoñecido pero que cómpre agardar con optimismo.

Aquí ficará sempre a fotografía e o galano da reflexión a través da palabra. Eu só podo engadir que me sinto moi honrado por participar, desde a composición destas liñas, neste proxecto. Grazas.