Ons. Ondas do mar riso
Toxosoutos, Noia, 154 páxinas, 15 €, 2018.
O traballo do filósofo, fotógrafo, etnógrafo e tradutor Emilio Araúxo complétase, desde hai unhas datas, co título Ons. Ondas do mar riso, que publica Toxosoutos. Un libro no que Araúxo afonda nesa vontade, amosada en numerosas publicacións previas, de amosar a realidade dun mundo, ou duns mundos, que case xa non son
Nesta ocasión dirixe a súa ollada ás xentes da illa de Ons de quen recolle o seu testemuño oral para dispoñelo nun libro no que a voz narrativa está ausente. Eses discursos son realmente os protagonistas, máis mesmo que as persoas, e que, sospeito, foron recollidos ou gravados, en distintos períodos dos anos noventa. Esas intervencións orais cobran valor e presenza ao articularse nunha disposición poética que, dalgún xeito, posibilita achegarse a eses diálogos –in absentia dun dos intervenientes- coma se fosen monólogos nos que as persoas interpeladas facilitan que recoñezamos a toponimia e a talasonimia que rodea a illa; que cheguemos, dalgún xeito, a compor unha idea do que a illa foi noutro tempo, das relacións consuetudinarias que desde ela se estableceron con particularidades únicas, tamén dese mundo conformado polos labores agrícolas e, como non, mariñeiros aos que as máis das persoas de Ons se dedicaron.
Un valioso testemuño escrito, con múltiples lecturas e acompañado dun corpus fotográfico do autor realmente extraordinario.