Momentos estelares da humanidade (tradución de Laureano Araujo)
Faktoría K, Pontevedra, 376 páxinas, 18 €
Stefan Zweig (Viena, 1881- Petrópolis, 1942) escribiu unha nota, antes de suicidarse coa súa esposa Lotte, na que lle desexaba aos seus que puidesen ver o mencer da longa noite porque el, impaciente de máis, xa marchaba. Non resulta nada estraño nunha persoa zarandeada por unha vida intensa e cosmopolita que abrazou, sempre, sólidas conviccións pacifistas e tolerantes. Algo disto se deixa ver nestes Momentos estelares da humanidade, traídos ao galego da man de Laureano Araujo, cando na derradeira destas chamadas “miniaturas históricas”, concretamente na que se centra no labor que o presidente norteamericano Wilson levou a cabo para concluír un acordo de paz na primeira guerra mundial, apunta profeticamente “a deslealdade causa deslealdade, a violencia xera violencia”.
Considerado un clásico da literatura europea e editado orixinalmente no ano 1927, Zweig segue a sorprender tantos anos despois pola exhibición, en ocasións fascinante, que fai do seu talento narrativo. A fórmula que emprega é sinxela: velaquí catorce “momentos” en que a decisión de alguén cambiou ou modificou os ventos da historia. E faino nese gume que mestura ficción e realidade, ou cando menos unha realidade en aparencia verosímil e certeira, onde un non sabe se o máis relevante é o que conta ou, se cadra, como o conta pois non é doado moverse cunha habilidade tal que revela unha capacidade fabulosa para reconstruír espazos e atmosferas diversas, mais tamén para reflectir comportamentos conmovedores da propia condición humana, sempre atento ás traxedias nas vidas e nos pobo que fai repousar nos avatares e decisóns puntuais de figuras tan diversas como Tolstoi, Dostoievsky, Cicerón ou Lenin, e noutras moito máis esquecidas como as de J.A. Suter, que perdeu California pola febre do ouro ou as de Cyrus W. Field, que comunicou con cable telegráfico América con Europa. Vidas, en fin, nas que sempre hai luces e sombras e que o autor nunca oculta e que visitan acontecementos históricos desde outro punto de vista.
O propio Zweig, non dubido que sen pretendelo, retratou coa súa palabra fecunda o espírito desde libro: “unha obra de arte pode ser esquecida pola súa época, pode ser prohibida e introducida nun cadaleito, pero a esencia sempre consegue imporse vitoriosa ao efémero”.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 7 de setembro de 2018.