Mi barco, de Roberto Innocenti

Roberto Innocenti 

Mi barco (tradución Carlos Heras Martínez)

Kalandraka, Pontevedra, 20 €, 40 páxinas, 2018.

 

Achegarse a unha obra de Innocenti supón unha verdadeira regalía, sexa aquela cal for. Nesta caso refírome á súa última peza publicada –Mi barco- por Kalandraka, que conta tamén con versións en portugués e catalán, a través da cal, cun fío narrativo sometido case a un esquema e escrito por Ame Novesky,  unha voz evoca a historia dun barco (o “Clementine”) que capitaneou convidándonos a coñecer os tempos en que se construíu, pasando pola súa primeira viaxe e as que viñeron despois, en tempos de guerra mais tamén de paz en momentos diversos do século XX -marabilloso o mapamundi final que recolle as singraduras do barco ao longo da súa vida-, ata que desaparece, mais nunca da memoria, no fondo do mar. Un espello singular dun asunto universal como é o do paso do tempo, cunha perspectiva exenta de melancolías, completado na parte final con informacións de carácter didáctico sobre as diversas partes do barco.

A concepción artística do ilustrador italiano segue a ser brillante, sedutora e senlleira. Ese trazo abeirado ao pormenor, sempre atento aos detalles, fai de cada unha das intervencións artísticas plasmadas neste libro unha oportunidade para gozar e aprender, talvez situadas nese punto medio que fai confluír elementos propios do cómic cos do álbum ilustrado e que, dalgún xeito, posibilita que vivamos e sintamos en carne propia todos os acontecementos que aquí se contan como son por veces a propia oscilación do barco, pasando pola transformación, por necesidade, nun barco de guerra ata a súa recalada, por exemplo, en Valencia na guerra civil española. A viaxe que se nos formula neste libro é un verdadeiro exercicio de aprendizaxe, teño para min que inesquecible.