Con ilustracións de Mónica Armiño chega ás librarías e a este blog A balada dos unicornios, da prezada escritora viguesa Ledicia Costas, premio Lazarillo do ano 2017. Un libro ao que lle desexamos a mellor das andainas posibles. Velaquí a información facilitada pola editorial:
A Escola de Artefactos e Oficios acolle os mozos e mozas máis brillantes. Son capaces de crear casas motorizadas, sombreiros voadores e outras proezas abraiantes. Ágata McLeod é unha das mellores alumnas, pero hai moitas cousas que descoñece da institución… e do seu pasado. A inventora terá que viaxar á orixe do mundo nunha travesía ateigada de aventuras e perigos. Fantasía e ciencia mestúranse nunha loita sen cuartel que enfronta corvos e unicornios.