Novidade (13): Non o saben as estrelas, de Diego Alfonsín

Galardoada co último Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta organizado polo Concello do Grove supón, asemade, o debut literario en lingua galega de Diego Alfonsín. Velaquí un fragmento da nota informativa da editorial:

 

Antonio escribe bañado en lágrimas nun xélido garaxe da cidade de Lisboa. Carla fala da morte de Giuseppe Verdi, de corazóns detidos no medio da noite e do coro dos escravos de Nabucco a agromar entre a néboa. Nunha nota de despedida, Natsuki escribe na parede sobre rumores de pasos e a desaparición da neve. Castro quere coñecer a terra dos seus devanceiros e a noite antes de partir un irlandés canta onda unha fiestra cos ollos incendiados. Vidas que se adhiren á conciencia conformando unha familia de voces que poboan o día a día dun hostal de cuartos compartidos no centro da cidade onde o ronsel das súas presenzas desaparecerá, empurrado polo incesante ir e vir doutros viaxeiros.