Acrecéntase a colección Calíope de Axóuxere Editora cun novo título. Trátase de Orfeo canta. Iniciación, signo & retorno, do autor rianxeiro Roberto Abuín. Velaquí a información subministrada pola editorial:
Entre a literatura e o pensamento ábrense territorios que a racionalidade mitopoética explorou ao longo dos séculos. Un deses lugares é o mito do descensus ad inferos (descenso ao inferno) protagonizado por Orfeo e Eurídice. Roberto Abuín insírese nesa mesma dramática para investigar algo esencial: a forza conducente que a escura potencia do real manifesta na conformación do visible; e faino a través dunha arriscada proposta a medio camiño entre poesía, narrativa e filosofía que se interna por unha senda exótica e inhabitual na escrita contemporánea.