No pasamento de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda

Souben hai unhas horas do pasamento da profesora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Filóloga e, arestora, docente no IES de Mos, cadraramos a comezos dos noventa nun proxecto común, xunto coa profesora Marga Romero, como foi a elaboración de libros de conversas con diversas voces da nosa tradición literaria contemporánea. Foi autora, alén dun traballo insustituíble sobre Valentín Lamas Carvajal publicado en Xerais, na editorial viguesa Nigra dirixida daquela por Gonzalo Allegue, dun completo e suxestivo Entrevistas con Blanco-Amor cando xa ía destacando como unha das máis brillantes rosaliólogas tal e como testemuñou un libro de carácter divulgativo e didáctico que se publicou baixo o título de Rosalía de Castro para nenos (Ediciones de la Torre, 1988). Desde aquela, as súas esculcas e investigacións, sobre aspectos biográficos e literarios da autora de Follas Novas, nunca cesaron como confirman as numerosas publicacións que foi dando a coñecer neste eido. Na miña memoria quedará viva tanto a súa presenza ao abeiro de encontros que propiciaron diversas circunstancias, profesionais e persoais, como os seus valiosos traballos, sempre realizados con rigor, pulcritude e extrema minuciosidade. Unha fonda aperta á súa familia.

Actualización: celebrarase un acto fúnebre mañá, día 24 de setembro, ás 18:00 horas, no tanatorio do cemiterio de Pereiró (Vigo).