Sísifo confuso. Traballos e días de Francisco Leiro, de Aser Álvarez

Aser Álvarez

Sísifo confuso. Os traballos e os días de Francisco Leiro

Arraianos Producións-Deputación de Pontevedra, 28 pp. + DVD, Pontevedra, 2018.

 

Aser Álvarez, que conseguira o Mestre Mateo ao mellor documental por 100% CEF, unha biografía audiovisual de Celso Emilio Ferreiro, achéganos unha publicación que, alén de ofrecer un documental sobre o que o editor denomina “os traballos e os días” de Francisco Leiro, contén unha memoria do mundo cotián de Leiro a través de fotografías e textos que non ten como obxectivo, nesta ocasión, ofrecer un retrato biográfico do artista internacional Francisco Leiro, responsable de obras icónicas en tantas vilas e cidades, galegas ou non. Antes ben, ou talvez como complemento ao que puidese ser no futuro unha biografía, Sísifo confuso responde a un proxecto ambicioso e intenso como foi o de acompañar a Leiro, cámara en man,  ao longo de tres anos polas súas angueiras e ocupacións cotiás que, neste caso, percorren espazos que van desde o seu Cambados natal, pasando por Madrid ata a cidade de Nova York, onde vive desde o ano 1988.

Impresiona, quen o dubida, asistir aos traballos de Leiro que atesoura esta publicación e mais sentir a esa forza, case telúrica, que aplica ao seu traballo artístico e que conxuga cun talento sen parangón, recoñecido internacionalmente, traballe a madeira, a pedra, o mármore ou o bronce. Percíbese neste libro, e asemade no documental dun xeito moi diáfano, esa atmosfera, esa intensidade arrebatadora e senlleira que rodea o acto da creación, mais tamén a inquedanza diante dunha nova exposición como a chamada “Purgatorio” en Madrid, alén de transmitir con limpeza e emoción a relevancia que gozan as mans do artista no proceso artístico, a ollada, a tensión corporal ou os obxectos e ferramentas que emprega…, mesmo non se esquece subliñar a importancia que posúen as persoas que, por diversas razóns, interveñen nese momento único e irrepetible cando a madeira, a pedra, o mármore ou o bronce xa son outra cousa e que ben se amosa, por exemplo, coa creación da peza “Ébola”, desde a escolla do material inicial ata o resultado final da escultura. Recomendo vivamente este Sísifo confuso: contribúe de maneira salientable a non esquecer a presenza dun artista contemporáneo que o escultor vasco Txomin Badiola definiu como “supervivente dunha etapa heroica da escultura”. E, afortunadamente, aí segue.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 28 de setembro de 2018.