Castelao e “A derradeira leición do mestre”

Van para seis anos que tiven ocasión de admirar no Centro Galicia de Buenos Aires “A derradeira leición do mestre”. Sen dúbida foi este un dos impactos máis intensos daquela rápida viaxe que tantas consecuencias tería para min. Lembro a verdadeira conmoción do momento coma se fose onte mais tamén sinto hoxe outra turbación porque non é lícito manipular a intención e significado deste cadro. Castelao ideouno e xestouno a instancias dun contexto que foi o da brutal represión franquista, que agora se quere minimizar ou ocultar. Algo que, ao meu ver, se se obvia ou silencia significa faltar á verdade, faltar á memoria e ao respecto debido de todas as vítimas.