Novidade (20): Canción de solpor, de Lewis Grassic Gibbon

Publica Irmás Cartoné un novo libro. Trátase do título Canción de solpor, do escritor escocés Lewis Grassic Gibbon que chega en tradución de Celia Recarey Rendo. Velaquí o apuntamento promocional que acompaña esta publicación.

Canción de solpor é un deses textos que teñen marcado xeracións na súa lingua orixinal e que as Irmás Cartoné estamos certas de que pode facelo tamén na nosa lingua. Escollida en 2005 como a mellor obra da literatura escocesa, esta espléndida novela publicada por Lewis Grassic Gibbon en 1932 ofrécenos un apaixonante canto de amor á terra e un cru relato dun mundo e dunha forma de vida que esmorecen.

Centrándose en Chris Guthrie, unha moza que, ante a disxuntiva entre a dura vida labrega no rural escocés e o mundo atraente pero remoto dos libros e a educación,  escolle permanecer na súa comunidade, Grassic Gibbon mergulla o lector nun magnífico relato do convulso paso dunha era á seguinte. Pois, nun tempo no que a mecanización comeza a mudar o traballo do campo, a irrupción da Primeira Guerra Mundial sacode a vida de Chris e da súa comunidade mudándoo todo para sempre.