Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Coa memoria de Ramiro Fonte no IES Castelao

Foi o editor e amigo de Ramiro Fonte, Manuel Bragado, quen cuantificou o seu herdo -que hoxe cómpre entender como un patrimonio literario- desde o punto cuantitativo: dúas mil páxinas de versos, outras tantas de prosa; tamén o fixo desde o punto de vista cualitativo ao salientar, en numerosos escritos, o que as publicacións de Fonte supuxeron para unha literatura como a nosa e que van desde As cidades da nada, o seu primeiro libro de poesía, ata Reversos ou Xardín do pasatempo, ambos os dous no 2008; desde As bandeiras do corsario (1996) ata a triloxía Os meus ollos (2003), Os ollos da ponte (2004) e As pontes no ceo (2007), entre outros moitos títulos.

Nun auditorio especialmente atento, entre o que estaban representantes da familia, destes, e outros asuntos, tiven a fortuna de falar hoxe no Salón de Actos do IES Castelao, a carón de Marilar Aleixandre, que se centrou con brillantez no fervedoiro cultural que foi o centro nos anos setenta e oitenta do pasado século, e do director do centro Marco Veiga que reinvindicou a memoria de quen pertenceu a este claustro durante algúns anos, xustamente no día do seu décimo cabodano. O acto, que tamén contou co recital de poemas de Ramiro Fonte por parte  de alumnado de segundo de bacharelato, seguiu coa descuberta dunha placa que lle outorga o nome de Ramiro Fonte á biblioteca do centro que, ao tempo, exhibe unha magnífica exposición dos libros do autor no vestíbulo grazas ao bo facer das profesoras responsables da biblioteca Sara Alonso e Gloria Paredes.

Non dubido que foi esta unha iniciativa plausible, na que me sentín moi honrado de porder participar, pois difunde a memoria de Ramiro Fonte e proxecta todo o seu legado entre as persoas que deberían ser lectoras e lectoras do futuro.

 

This slideshow requires JavaScript.

 

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 11 Outubro 2018 por en Divulgación,Homenaxe , , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: