Este pasado xoves 18 de outubro Lapis na noite presentouse en Bueu, concretamente na biblioteca Torrente Ballester, ao abeiro do interese e organización do libreiro Fernando Miranda, a quen lle agradezo todas as atencións prestadas, como tamén ao propio Concello de Bueu. Hoxe traio ao este blog a intervención de Míriam Ferradáns, que nos acompañou felizmente naquel serán a carón de Lucía Novas. Toda a miña gratitude para ambas as dúas presentadoras e amigas.
Lapis na noite é un libro de vidas que se cruzan despois da propia vida. É un libro de posterioridades, onde a reflexión sobre as ditaduras, e as súas consecuencias, vai imporse sobre toda a obra.
É un libro extensible pois non remata coa última folla: deixa un pouso de necesidade de indagación, de novos coñecementos.
Lapis na noite é un grito a prol da necesidade da reparación coas vítimas das ditaduras. Un berro de xustiza e dignificación no que se indaga na dor das vítimas, nas consecuencias do acontecido e na “aparente” normalidade na que a vida transcorre ata que acontece. Os destellos que advirten pero non se acaban de asimilar. Así, o libro permítenos ser observadores do fraguado dunha ditadura, do sibilina que é a súa chegada: nada parece acontecer, ata que acontece e os feitos se precipitan.
Iria, unha das protagonistas, o lirismo personificado para min desta novela, é unha flor do xacarandá que se abre xa avanzada esta novela que engancha; valente, soñadora, moza, que unha a imaxina cheirando a violetas e deixa un ronsel de música e esperanza. Iria é o elemento de vehiculización que emprega o autor para contar como as elites cívico-militares arxentinas comenzaron os seus movementos pro-alzamento pola semente que é por onde se comeza cando se quere erradicar un froito: pola raíz. E dende ese momento, estudantes represaliados, asasinados, meniños roubados, nais e pais que ven como levan ós seus fillos a empurróns na noite…, asistir á dor de Ramiro, o seu pai, e da súa nai, Tatiana, nunca consolables, marcados para sempre…, porque esta novela fala de dor e horror pero coa elegancia de quen sabe facelo.
Mención á parte merecen as referencias musicais que permiten entender como mudaba a realidade do momento, como a censura traballaba arreo no que eles daban en chamar “operación claridade”, a través da cal exercían tamén censura sobre os libros. O tipo de libros e de música que son prohibidos deixan á vista sempre, o tipo de ditadura á que se enfronta un pobo. Na novela, moi documentada e, polo tanto, dotada de absoluta verosimilitude, adica un capítulo a estes libros e cancións.
Pero a música que comparte un pobo, que forma parte del, é imparable, sobreponse á dor, aprende a convivir con ela e Ramón Nicolás convértea en arma nunha das pasaxes máis fermosas e definitivas de Lapis na noite.
Aquí dous pequenos fragmentos de algunhas cancións que aparecen referenciadas e que dan levemente a medida do lirismo que impregna o Lapis e da capacidade de quen escribe para traspasar ao lector de parte a parte.
“y aunque nazcas preso, te traigo también:
Se precisan niños para amanecer”
“Gurisito”, de D. Viglitetti
“Detrás de las paredes que ayer se han levantado
te ruego que respires todavía”
“Rasguña las piedras”, de Sui Géneris
Míriam Ferradáns