O ano da lebre, de Arto Paasilinna

Arto Paasilinna

O ano da lebre (tradución de Tuula Ahola e Tomás González Ahola)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 194 páxinas, 17 €, 2018.

 

Souben aínda hai un par de días do falecemento do escritor finlandés Arto Paasilinna acontecido a semana pasada. Sorprendeume, malia que supoño que ás veces estas cousas son inevitables, que precisamente días atrás tiña nas mans O ano da lebre, que me brindou algunhas horas de lectura realmente fantásticas, semellante ao experimentado cos outros libros que Rinoceronte verteu ao galego deste autor: o extraordinario e hilarante O bosque dos raposos aforcados e mais O muiñeiro ouveador.

Hai algún tempo que visonara unha versión cinematográfica baseada neste libro que, ao meu xuízo, non lle fai xustiza ningunha ao que ideou e plasmo no libro Paasilinna. Vaatanen, o protagonista desta historia, é algo máis ca un home que semella perder o sentido ao abandonalo todo, ao renunciar a todo o que era a súa vida cotiá e internarse nas terras máis remotas e esgrevias de Finlandia coa compaña dunha lebre que auxiliara tempo atrás logo de atropelala. Dalgún xeito, tras a figura de Vaatanen, tamén se oculta o símbolo dunha fuxida cara á liberdade para sentir como o fluxo da vida aínda percorre as súas veas e como, dalgún xeito, é sempre posible percorrer un camiño, aínda que este semelle desatinado, para atoparse a si mesmo.

Falouse algunha vez que, con esta proposta, o autor inauguraba un xénero que denominaron novela humorístico-ecolóxica. Dubido da pertinencia ou da univocidade desa categorización: Paasilinna é, era, dono dunha evidente versatilidade para unir humor negro, ás veces corrosivo, por unha banda e, por outra, evidenciar algunhas das lacras do noso tempo como aquela que apunta a dar as costas ao medio natural ou ao consumismo desmedido, sempre cunha linguaxe áxil e directa.

Non hai mellor homenaxe a un autor que acaba de desaparecer que lelo e relelo. Facelo na nosa lingua, nunha tradución excelente, é unha verdadeira regalía.