Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto

Xurxo Souto

A gran travesía de Chiruca Macallás

Xerais, Vigo, 160 páxinas, 17 €, 2018.

 

Talvez só unha imaxinación podente, nalgunha medida desbordante,  como é a de Xurxo Souto podería idear un libro como A gran travesía de Chiruca Macallás que vén de publicarse hai escasos días por Edicións Xerais.

Se Contos do mar de Irlanda, publicado hai catro anos, supuxo un paso adiante como confirmou a crítica e mais o favor do público, o certo que é este libro supón unha achega ficcional que proxecta con fortuna ese universo ao que autor dedicou tantas páxinas. Esta “travesía” é, así pois, un libro que dialoga, coma se fose un macrotexto, coa súa obra precedente e, ao tempo, exhibe con naturalidade unha suxestiva fusión entre oralidade, cultura libresca e mitoloxía que convida a singrar un mar libre e noso, que convida a percorrer as varandas desa cidade mariñeira que vai de Labañou a Teis.

Relátase aquí, claro é, unha travesía marítima a bordo dun barco que patronea Chiruca Macallás e o seu correspondente retorno o porto; asunto que, no fondo, transcende ata se converter nunha historia de superación na que a protagonista que superar moitos muros, entre eles algúns estereotipos patriarcais. Á inclinación verista da narración engádese o elemento fantástico, de evocación tan lugrisiana, que á vez se entrelaza co recurso da lectura dentro da lecdtura, ao tempo que se van filtrando outras historias e presenzas entre as que, ao meu ver, salienta a de Lipeilipeisa: un peixe-sapo que fala e di moitas e grandes verdades.

O ton epopeico e irónico, a atención outorgada á talasonimia, á música, ás lendas e sucedidos reais, ás veces case inverosímiles, que o mar ofrece fornécenlle solidez a un libro dividido en tres partes onde, alén dunha presentación inicial, vemos nacer as “crestomatías”: lecturas para quince días no mar, que ocupan a parte central do libro e que adquiren dalgún xeito certa aparencia de caderno de bitácora desde onde agroman,  aquí e acolá, relatos que nos conducen das illas de lixo á cruz chantada en Banky que un mariñeiro fixo aproveitando os restos dun proxectil; dos zococéanos a unha aventura de vaqueiros, pasando por unha novela por entregas; da presenza de Serafín Mourelle ás historias de navegantes e dos libros das vellas navegacións; da alucinante pedra chamada Meixón do Rocal entre Escocia e Irlanda ás vivencias dos mariñeiros senegaleses.

A voz narradora sinala que todo no mar é música. Ben interpretada está nesta novela, con exactas e poderosas palabras pois os libros serven para asomarnos ao “misterio dos que somos”: abofé que así é.

 

Esta reseña publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 26 de outubro de 2018.

Advertisements

Un comentario en “A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto

  1. Pingback: Acompañamos a Xurxo Souto na presentación do seu novo libro | Ponte... nas Ondas!

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: