Os esqueletos divertidos, de Janet & Allan Ahlberg (ilustración)

Todos os anos chegan libros que, felizmente e dun xeito ou doutro, resultan apropiados para estas datas do Samaín.  Velaquí, así pois, este Os esqueletos divertidos, deste tándem creativo inglés de longa traxectoria que chega ata nós grazas á tradución de Óscar e Sandra Senra.

O libro desacraliza, dunha maneira divertida e amena, o asunto da morte a través de tres personaxes que viven a súa realidade, se se quere paralela, con naturalidade e sinxeleza. Unha estrutura discursiva acumulativa, un tratamento visual que beirea ás veces a banda deseñada e esa especial disposición narrativa que convida, dun xeito natural, á súa dramatización, posibilita a seu achegamento ás persoas máis novas onde o peso do humor, a través de situacións sorprendentes, estou certo que serán do agrado de todas as persoas que queiran celebrar, cun libro nas mans, esta festa do Samaín.