Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Ler o mundo, de Michèle Petit

Ler o mundo

Michèle Petit (tradución de Fernando Moreiras)

Kalandraka, 184 páxinas, 15 €, 2018

 

Hai libros dos que resulta difícil ir máis alá de recomendar, fervorosamente, a súa lectura. Que o lean pais e nais, que o lean  as persoas que traballan nas bibliotecas e no ámbito da mediación; que o lean discentes e docentes, tamén quen  gusta de ler  e quen non gusta de ler mais, de cando en vez, petisca aquí e acolá nalgún libro, e mesmo estou certo que ás persoas que escriben tamén ten cousas de valor que comunicar pois é un libro que axuda a repensar moitos lugares comúns. Afirmo isto desde a asunción de que o xénero ensaístico non é, precisamente, de masas mais Petit reviste con pericia todo aquilo que ten que dicir cunha prosa sinxela, áxil, pragada de exemplos significativos e, sobre todo, suxire un fío que é esa insinuación latente de novos camiños a seguir.

Probablemente ninguén mellor ca Petit para escribir un libro coma este Ler o mundo. Experiencias de transmisión cultural de hoxe, traducido con excelencia por Fernando Moreiras. Hai moito nel da delongada experiencia profesional dunha autora, antropóloga de profesión, que conta cunha longuísima experiencia nos estudos vinculados coa lectura e coa relación entre a mocidade e os libros, e tamén -algo moi palpable en todo o libro- con avances na investigación sobre a lectura en medios rurais e o papel das bibliotecas públicas en contextos de exclusión.

De todo o anterior fálase neste libro, hibridando reflexións tiradas de experiencias vividas cunha vizosa conversa con outras voces especialistas e con tantos e tantos libros. Ler o mundo explica, e convence con argumentos ao meu xuízo irrebatibles, a relevancia que ten a literatura, oral e escrita, a carón doutras dimensións artísticas para “habitar o mundo”. É este un libro necesario nun tempo en que o que se procura tantas veces é a rendibilidade máis absoluta, nun tempo de mutacións que se producen no ámbito dixital da lectura; un libro pragado de preguntas que non son retóricas e ás que dalgún xeito se lle dan resposta, como son “Para que serve ler?”, “Como transmitir o pracer da lectura?”, ou “cales son as estratexias para transmitir o gusto pola lectura e polas prácticas culturais?”, entre outras moitas, sempre desde a defensa irrenunciable das humanidades como elemento clave na formación das persoas.

Ler este libro, e talvez non sexa unha metáfora, é iniciar unha singradura da que, estou certo, ninguén retorna como a comezou.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 9 de novembro de 2018.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 10 Novembro 2018 por en Ensaio,Lectura,Literatura , , , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: