Novidade (47): A orde do día, de Éric Vuillard

O premio Gouncourt é un galardón de moito prestixio, malia que a súa dotación sexa a duns simbólicos 10 euros. A orde do día, libro que trae para o galego Faktoría K grazas á tradución de Antía Veres Gesto, é unha obra do escritor e cineasta francés Éric Vuillard que foi galardoada co devandito premio no ano 2017 e que parte do encontro que se produce en febreiro de 1933 entre Hitler e vinte e catro grandes empresarios alemáns, no Reichstag, para conseguir apoio ecónomico para o partido nazi nas eleccións de marzo. Á reunión asistiron os donos de Agfa, Krupp, Opel, Siemens, Telefunken, Bayer ou Allianz entre outras empresas. A afirmación coa que se anuncia o libro e que sinala “as persoas pasan, pero os grandes capitais perduran”, fai pensar en como o poder económico se metamorfosea para non perder nunca a súa influencia. Unha novela que apunta ás falsidades e ás postverdades que alicerzaron o ascenso do nazismo e as súas terribles consecuencias. Unha obra, talvez, dese xénero chamado política-ficción e que é, abofé, unha verdadeira lección de historia narrada con fluidez e axilidade.