Do “Lapis na noite” en Compostela ao Asaltos!

Este pasado xoves Antón e Chus abríronlle a súa casa, isto é, a Libraría Pedreira, ao Lapis na noite e o libro gozou dunha atención magnífica a cargo de Marilar Aleixandre e Chus Nogueira que diseccionaron, cun envexable espírito crítico e moito agarimo, algúns aspectos desta novela. Deixo aquí a miña gratitude a todas as persoas citadas anteriormente e mais a todas aquelas que asistiron á presentación, entre as que contei amigas e amigos moi estimados por min.

Un día despois tiven ocasión de participar nun encontro orixinal e cun formato innovador que xa continuou o día de onte e que terá continuidade en dúas sesións máis. No evento, inserido no seo do ciclo Asaltos! que coordinou na Cidade da Cultura a regueifeira Alba María, tiven ocasión de falar sobre diversos aspectos vinculados coa divulgación literaria a través do exercicio da crítica, deste mesmo blog e doutros extremos, a carón de Alejandra de Diego, da libraría Berbiriana e de Óscar López, do programa televisivo Página 2 e xornalista cultural; e do director da Editorial Galaxia Francisco Castro, que nos instou a falar e debater con pericia e enxeño. Grazas tamén a María Pereira por idear e impulsar un proxecto coma este. Participar nel foi un verdadeiro pracer.

Velaquí algunhas fotos (grazas a Marilar Aleixandre e a Manolo G. Vicente que fotografou o acto para a Cidade da Cultura).