Non adoito atender a propostas escritas en linguas diferentes á galega neste blog, pola filosofía que abraza desde o seu comezo, mais non podo obviar referirme a este libro que recibín a semana pasada baixo o título de El microrrelato en la España plurilingüe, de Irene Andrés-Suárez, publicado pola Universidad de Valladolid e mais a Cátedra Miguel Delibes de Nova York en cuxas páxinas se expón unha análise do microrrelato nas diversas linguas estatais.
E incorporo unha referencia deste volume ensaístico aplaudindo esa abordaxe ao “microrrelato”, sólida e documentada, que ten en consideración a súa historia e a súa vitalidade nas diversas linguas estatais e que proxecta, en inmanencia, a relevancia que supón o coñecemento da nosa tradición, e doutras próximas claro é, como un patrimonio común irrenunciable ao que tantas veces se lle dá as costas. No caso galego formúlase un achegamento que considero relevante para quen non coñeza nada do microrrelato galego, algo que ocorrerá, sen dúbida, nun sentido diferente para esa tradición en castelán, éuscaro ou catalán. Nas páxinas dedicadas ao noso ámbito, alén das referencias históricas do xénero, préstaselle especial atención á presenza neste ámbito de obras subscritas por Manuel Rivas, Claudio Rodríguez Fer e Camilo Franco, apuntando asemade a existencia doutras voces máis recentes como son as de Iolanda Zúñiga, Xosé M. Eyré, Séchu Sende ou Núñez Singala.
Festexo a aparición dun libro coma este, por fin alleo a prexuízos lingüísticos nuns tempos no que as pontes que se deberían trazar entre as diversas literaturas estatais semellan esvaecidas. Grazas, pois, á autora deste libro por defender unha visión, verdadeiramente, inclusiva e respectuosa da nosa literatura e poñela ao par doutras estatais. Grazas porque ilumina un camiño cunha luz de esperanza entre tanta escuridade.