Lugares
Fabulatorio, A Coruña, 25 €, 80 páxinas, 2018
Recibir un libro desa fábrica de proxectos extraordinarios que é Fabulatorio é sempre motivo de alegría. Aínda máis cando un se asoma, con ollo analítico, ao que recibe pois por altas que sexan as expectativas sempre acaban superándose.
Isto foi o que me aconteceu con Lugares, do fotógrafo Vari Caramés, un libro sobre o que é difícil manifestarse: talvez pola súa singularidade, polo que deixa e non deixa ver grazas ao enfoque que realiza do desenfocado ou por situarse, exactamente, nese punto medio entre fotografía ou esa poesía silandeira que non precisa nin palabras, tomándolle a pulsión á realidade mais tamén a esoutro ámbito tan importante que é o da suxestión.
Tanto respecto e admiración suscita en min este libro que case entendo como accesorio o que poida dicir del: é fotografía, claro que si, mais posibilita entrar nun territorio distinto, un espazo pouco frecuentado e senlleiro, case impoñente. As páxinas que recollen as súas fotografías desenfocadas que, como dixo o autor serven para “demostrar que a cámara non é tan importante coma o ollo e o corazón”, aborda os lugares que evocan, por si mesmos, arrecendos, presenzas ou mesmo o son que sospeitamos levan canda si -as páxinas de papel de seda situadas en lugares estratéxicos convidan a atravesar unha sinestesia emocional e sensitiva composta por ríos, mares ou polo zoar dun vento intenso por exemplo- rescatados dos fíos da memoria do fotógrafo e que non resulta nada difícil facer nosos.
Un libro para mirar e sentir. Se se fai con este vídeo titulado “Lugares sonoros”, que extraio da páxina web de Fabulatorio, a experiencia é, aínda, máis intensa e plena. Parabéns por idear e construír unha publicación coma esta ao autor e a todas as persoas que tiveron algo que ver con ela.