A mostra GalizAmérica en Chapela (Redondela), con Uxío-Breogán Diéguez

Inaugurouse onte no Auditorio de Chapela (Rendondela) a mostra itinerante “GalizAmérica” coa presenza de Digna Rivas, deputada provincial de Pontevedra e mais de Teresa París, concelleira de cultura do Concello de Redondela, alén de Carmen Carreiro, con quen comparto o comisariado da exposición. Nese local permanecerá ao longo dos vindeiros quince días para as persoas que desexen coñecer unha visión, divulgativa, sobre diversas dimensións que suscita o exilio galego a América.

Como ocorre sempre ao fío da inauguración da mostra asistimos a unha conferencia ditada, nesta ocasión, por Uxío- Breogán Diéguez, profesor da Universidade da Coruña que, ao meu xuízo e ao das persoas asistentes, sen deixar de abrazar un agradecido ton didáctico, destacou pola súa claridade terminóloxica e conceptual arredor, xustamente, do elo que supón a creación da Irmandade Galega en Buenos Aires e, máis tarde, do Consello de Galiza co galeguismo do tempo da República. A diáfana disección dos principais factores que influíron na reconstrución da Galiza política no exilio e a permanente ollada na existencia de vasos comunicantes entre os diversos tempos que atravesou o nacionalismo parécenme valores a salientar desta intervención, tan afortunada, do profesor Diéguez.