Pechouse onte o ciclo de presentacións de Lapis na noite que desde xullo deste ano percorreu Vigo, Ponteareas, Bueu, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra e, onte, Lugo. Cada un destes actos foi, afortunadamente, distinto mais en todos eles percibín esa atmosfera de emoción que, sen procuralo, se foi creando grazas sempre ás persoas que quixeron apoiar este libro coa súa presenza e coa súa palabra o que posibilitou, dalgún xeito, que se creasen esa viaxes cuánticas como no seu día afirmou María Xosé Porteiro.
A de onte celebrouse na libraría Trama -desde o minuto 35 do programa A revista da TVG deste pasado venres tendes unha pequena reportaxe sobre a devandita libraría-, un espazo rexentado por Carlos Coira, realmente marabilloso e que inexplicablemente nunca pisara.
Nesta ocasión o acto foi da man de dúas persoas excepcionais como son Adela Figueroa e Luz Darriba que diseccionaron e falaron con agarimo dalgunhas das historias que conforman o libro e aquilo que estas lles suscitaron. A elas dúas, á libraría Trama e a todas as persoas que escolleron achegarse quede constancia do meu agradecemento.