Novidade (54): Unha misión para Clara, de Marica Campo

Marica Campo, esa escritora xustamente homenaxeada non hai moito no V Día das Galegas nas Letras  pola plataforma A Sega, e que prepara sempre os seus libros a lume manso, prestándolle toda a atención que verdadeiramente requiren, déixanos nestas datas Unha misión para Clara, publicado por Oqueleo. Un libro que as fontes editoriais presentan así:  “Clara, unha nena de dez anos criada no amor e respecto á Natureza, quere ser exploradora e visitar a selva amazónica. Non terá que ir tan lonxe porque a aventura virá visitala a ela na persoa de Nimo, un estraño personaxe que chega á súa vida dun xeito misterioso. Despois de lle abrir a porta, xa nada seguirá igual: Clara ten unha misión que cumprir”.

Sexa benvida esta nova achega á literatura infanto-xuvenil da man dunha das máis prezadas escritoras galegas.