A colección 10×15 de Tulipa Editora

Hai uns días o pintor Antón Sobral presentoume a Isabel Patiño quen me falou, con entusiasmo, do seu novo proxecto editorial chamado Tulipa Editora radicado en Teo e do que pouco sabía. Isabel fíxome chegar hoxe os catro primeiros volumes da colección “10×15” acompañados por un bulbo, sospeito que dun tulipán, e que agardo ver crecer como o resto dos libros desta nova editora.

A aposta desta colección resulta, ao meu ver, atractiva e esixente. En libros de pequeno formato e de coidada edición ofrécese un proxecto coordinado polo poeta Juan Bello que se inaugura xustamente cun libro do devandito autor, en versión bilingüe e con tradución de Berta Dávila e titulado Casa.

Polo de agora complétase a serie con outros tres volumes, rexidos igualmente polo criterio de ofrecer versións bilingües de textos poéticos de diversas voces como son Os afluentes, de Vicente Vázquez Vidal, en tradución desde o francés de Véronique Voyer; Este é o agasallo que lle dou ao meu corpo, de Robin Myers, en tradución e selección desde o inglés de Claudia González Caparrós e, finalmente, o título En espera, de Man Li, en tradución desde o chinés de Alicia López.

Tempo haberá, talvez, de se referir a estes libros de poesía desde un punto de vista valorativo mais hoxe só quería deixar constancia deste encontro, tan feliz, con catro libros e cunha nova editorial. Beizón e sorte.