Na Homenaxe a Dionisia López Amado, con María Torres Celada

O grupo de Amnistía Internacional de Vigo, nomeadamente Manuel Martínez Barreiro e José Antonio Rodríguez, solicitáronme presentar á investigadora María Torres Celada no segundo encontro que o ciclo de Homenaxe á Nai de Praza de Mayo, Dionisia López Amado vén desenvolvendo na cidade de Vigo.

Alén de permitírseme, cousa que agradezo, referirme aos fíos da memoria que latexan en Lapis na noite (grazas Gonzalo e Maribel, amigos, por acompañarnos) e, en especial, cunha figura das nais de Plaza de Mayo retratada na novela como foi Carmen Cornes, foi un pracer presentar a María Torres, de quen agardamos os froitos das investigacións que está a levar a cabo sobre a participación dos vigueses na Segunda Guerra Mundial e mais sobre os deportados da provincia de Pontevedra.

Torres, que alimenta tres blogs sobre estes asuntos e que recomendo vivamente como son http://buscameenelciclodelavida.blogspot.com.es/ http://verbamovent.blogspot.com.es/ e http://memoriadebusqueda.blogspot.com.es/-  defendeu un relatorio memorable marcado, en esencia, pola claridade terminolóxica, pola defensa apaixonada da recuperación da memoria e por unha reflexión, argumentada e e sólida, sobre o concepto de perdón: “o perdón non se pode impoñer nin regalar”, afirmou. Unha verdadeira fortuna participar neste acto, que cualificaría como intenso, emocional e reivindicativo.