Absolutamente recomendable e intachable este documental titulado El silencio de otros, que aínda se pode ver na cidade de Vigo e nalgunha outra cidade galega ao longo desta semana, dirixido por Almudena Carracedo e Robert Bahar.
Difícil resulta non sentir a emoción nalgún momento ao longo dos noventa minutos da emisión en que se revisa as consecuencias -moitas delas hoxe palpables como a visibilización e ascenso de forzas de inspiración fascista- que arrastrou o chamado Pacto de Silencio e a aplicación dunha Lei de Amnistía que, ademais de favorecer os presos políticos franquistas, tamén liberou de responsabilidades penais e xudiciais a quen as tiña por exercer a tortura ou por ser as mans de ferro do réxime.
Alén disto, o documental revisa a procura da verdade e da xustiza a través de casos concretos de desaparicións, de bebés roubados, dos fusilamentos en masa producidos no franquismo e da recuperación deses corpos, inexplicablemente sepultados tantos anos despois, en gabias e foxas comúns e que, grazas á querela arxentina e á aplicación da denominada xustiza universal ao tratarse de crimes de lesa humanidade non prescriptibles, xa obtivo, malia as enormes dificultades políticas e xudiciais, os seus primeiros froitos, igualmente grazas á intervención da xuíza arxentina María Servini.
Inevitable que non se encolla o corazón co caso de María Martín ou o de Ascensión Mendieta, entre outros, que nesta película se recollen: unha representación non simbólica, senón real, de vidas afoutas, de vítimas rotas polo franquismo, perseverantes nas súas ideas de xustiza e merecerentes de toda admiración. Un documental de visión obrigada, tamén para as persoas que cren que a memoria e o pasado é mellor deixalo estar. Aquí hai argumentos que demostran xustamente o contrario.