Ágora do Orcellón. Homenaxe a Antón Pulido
Avelino Muleiro (coord.)
Instituto de Estudios Carballiñeses, 304 páxinas, 20 €, 2018.
Hai pouco máis de tres anos ocupábame nestas mesmas páxinas do libro Antón Pulido. Cantiga de fonte limpa que, por mor da concesión do premio Trasalba ao artista ourensán, percorría con xustiza e acerto a súa biografía e mais a súa obra. Velaquí agora un libro coral, absolutamente interxeracional -o que de seu é significativo- e que dialoga co anterior desde as instancias dos afectos e a admiración.
Este Homenaxe a Antón Pulido, en palabras moi acertadas Avelino Muleiro, director da revista Ágora do Orcellón que con este monográfico chega á súa trixésimo cuarta entrega, defínese como unha “imaxinaria panóptica pinacoteca” construída por sesenta e catro voces que afondan “nas intimidades, o perfil e a personalidade en constante crecemento deste artista de mirada múltiple”. En efecto, velaquí un gran libro que, desde dentro, desde esa ollada situada nun único punto erixido polos xuízos, as valoracións e as palabras, en suma, posibilita descubrir ou redescubrir a personalidade, as dimensións humanas e profesionais dun artista único como é Antón Pulido, a carón dun extenso corpus conformado polas intervencións artísticas do pintor desde os seus inicios ata a actualidade xunto con outros documentos fotográficos.
Esta confluencia de voces non sei se esgota todo o que hai que dicir ou se pode dicir do artista -probablemente non- mais si é, en certa maneira, un corolario, se se quere unha crestomatía vital que un grupo de amigas e amigos lle tributan pois quen dubida que a súa traxectoria o esixe e o merece. Non oculta esta publicación esa vontade de recoñecemento: tributo por un lado a un traballo artístico senlleiro que, felizmente, aínda está en progreso e, por outro, a todo aquilo que se instala na vontade de abrazar -palabra que se reviste dun especial significado cando falamos del- o ser humano, ese ser humano sempre optimista e sempre xeneroso.
Unha vez díxome dúas cousas que lembro sempre: a sorte hai que saír a buscala e, falando da felicidade, que o verdadeiramente importante era sempre que as esperanzas se adecúen ás posibilidades. Pulido di estas cousas coma se fose un filósofo socrático, sen darse importancia, e talvez por todo que el sabe sexa quen de pintar as palabras e as ideas, as emocións e o sentimentos como ninguén o fai. Este libro ten o mérito de lembrárnolo.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 23 de novembro de 2018.