O tempo escuro
Ir Indo, Vigo, 2018, 182 páxinas, 14,90 €
Hai xa oito anos, saudaba nestas páxinas un libro sorprendente baixo o título de No fío da navalla e outros poemas (Ir Indo, 2010) que testemuñaba ese primeiro paso na poesía dun autor de longa e brillante experiencia no ámbito ensaístico e no da investigación. Nesta mesma liña non se pode obviar a recentísima aparición dun libro de relatos baixo o título de O tempo escuro.
O desafío de Modesto Hermida sitúase nunhas coordinadas moi concretas e, talvez, a máis relevante sexa a de esculcar os recantos dese espazo ocupado pola longa noite, miserenta e cincenta, da posguerra e do franquismo, por veces ofrecendo unha ollada case sociolóxica. Tempos, así pois, habitados por persoas que abrazaban a esperanza de converter outra vez o seu mundo, o mundo, nunha realidade habitable e que se asoman, con teimosía e malia os muros case inexpugnables, á realidade dunha historia padecida colectivamente. Para iso, para afondar ao cabo nas dimensións da memoria, velaí como se perfila un feixe de personaxes que exhiben, desde o territorio ficcional de Valdelama, case diría que carnalmente, as súas contradicións, as súas singularidades, o seu papel na historia máis íntima das súas vidas onde non é menor a férrea vontade de resistencia que guía os seus pasos, formulándose ás veces a posibilidade para que agrome o extraordinario exposto cunha marabillosa naturalidade, aínda en situacións que se asoman aos abismos da crueldade humana.
Pero no libro aínda hai máis: tres entregas situadas baixo o epígrafe de “relatos urbanos”, onde a presenza da ironía e o humor vai gañando espazo, e outras cinco propostas encabezadas baixo o título de “referencias”, onde se agrupan textos de variada índole e desemellante adscrición xenérica. É aquí onde se asoma, ou se ispe se se quere, o autor, mais tamén o docente de xuízos atinados e brillante prosa, con textos de filiación case ensaística e outros de inspiración memorialística, mais fabulación ao cabo. Un libro, en fin, cuns relatos para gozar aos poucos e, ao tempo, para saborear ese rexistro lingüístico excelente onde a lingua sabe a pan.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 7 de decembro de 2018.