A orde do día, de Éric Vuillard

Éric Vuillard

A orde do día

Faktoría K, Pontevedra, 120 páxinas, 15 €

Galardoada co Premio Goncourt no ano 2016, A orde do día, do cineasta e narrador francés Éric Vuillard, que chega á nosa lingua grazas á tradución de Antía Veres e a Faktoría K, é unha proposta narrativa que navega, conscientemente, entre eses mares que se dan en chamar de política ficción ou, se se quere, os da novela histórica, á procura dalgunha explicación racional que poida axudarnos a entender o auxe do nazismo.

A voz narrativa que goberna este libro, en ocasións irónica, sarcástica e sempre convincente, pasa con acerto do deseño das atmosferas privadas ou case domésticas a esoutras que son grandiosas e multitudinarias, mais sempre co obxectivo depositado en achegarnos os perfís dos protagonistas, as súas contradicións, as súas derivas demoledoras para a propia humanidade en tantos casos.

Mais, que nos conta A orde do día? Servíndose de recursos de carácter parateatral, Éric Vuillard articula unha sucesión de encontros, de momentos ou de pequenas escenificacións con personaxes de carne e óso, moitas delas reconstruídas a través dunha fotografía, grazas aos libros de memorias ou ao visionado de documentais.

Deste xeito, cun trazo narrativo rápido e vigoroso, o autor sitúanos no encontro que se produce entre vinte e catro representantes das empresas máis poderosas de Alemaña no palacio do presidente de Reichstag con Goerign e Hitler. Estes solicítanlles apoio económico para soster a determinante campaña electoral que se aveciñaba, a cambio de converterse -todos eles- en verdadeiros «führers» para as súas empresas, como así foi: unha operación de enxeñería financeira que resultou proveitosa para ambas as dúas partes.

 

O FOCO DA NOVELA

O foco da novela vai tamén alicerzarse nos acontecementos que rodean a «invasión» de Austria algúns anos despois ao afondar no encontro e as esixencias que os líderes nazis lle formulan ao chanceler Schuschnigg, as claudicacións que logo se suceden e a aceptación desa imposición da «xerarquía contra a igualdade» e da «orde contra a liberdade».

Alén diso, entrarán e sairán en escena desde o embaixador alemán en Londres, von Ribbentrop, pasando por Chamberlain ou Daladier, ademais de ofrecer uns valiosos capítulos que nos conducen da man de Vuillard pola percepción que nos chegou do conflito a través da cinematografía ou da propia publicidade política.

Afirma Vuillard neste libro que as catástrofes de grandes dimensións van anunciándose aos poucos, por iso creo que A orde do día é hoxe unha lectura moi necesaria.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 14 de decembro de 2018.