No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos, de Héitor Picallo Fuentes

Héitor Picallo Fuentes

No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos

Fervenza, A Estrada, 190 páxinas, 15 €, 2018.

 

O traballo que Héitor Picallo, investigador, ilustrador e escritor, recolle neste novo libro paréceme, cando menos, unha investigación suxestiva, alicerzada nun proceso de incansable procura da documentación precisa para conformar unha necesaria, por inexistente, revisión histórica que pon os ollos no castiñeiro e na castaña como forzas motrices da economía rural galega.

Prologado por Manuel López, secretario IXP Castaña de Galicia, e epilogado por Varela Anelle, é este un ensaio escrito con claridade, precisión e paixón polo universo a estudar. Picallo fálanos, desde esa atalaia que fornece a minuciosa procura e captura do dato, mais tamén desde a  dinámica da interpretación, de soutos mansos ou bravos, de castiñeiros e castañas que foron recursos precisos para a subsistencia ou para a economía galega en xeral. Hai un propósito, deliberado, de propiciar a reflexión sobre as vantaxes que carrexaría unha reforestación dunha árbore como o castiñeiro, por exemplo, para regularizar o noso monte e para contribuír a atallar o despoboamento do rural.

O ensaio -coido que un dos máis salientables dos publicados no seu xénero nos últimos tempos- percorre un período que vai desde os últimos séculos da Idade Media ata os comezos da Idade Moderna nunha esculca que ten en conta documentos de moi diversas coleccións diplomáticas de abondosos mosteiros de toda Galicia e outros de carácter civil e legal que chega a  sobardar a orientación estritamente histórica para achegarse, por extensión, a outros campos como son a etnografía, a antropoloxía ou a socioloxía que se asocian de maneira natural á investigación.

Imposible afondar aquí en todos os apartados que este estudo globalizador amosa. Nel viaxamos, entre outros moitos elementos, desde os privilexios reais ás doazóns que se relacionan coa castaña e os soutos; pasamos pola atención que se lle presta á relevancia do cultivo dos últimos e o seu coidado sen esquecer a análise das dimensións económicas do obxecto de estudo, para tratar despois  a castaña desde os puntos de vista do seu consumo e da rendibilidade que xeroupara algunhas institucións, e non esquezo un marabilloso capítulo final centrado na toponimia e antroponomia.

Cómpre só alegrarse pola presenza dun estudo destas características entre nós que pon de relevo, desde un punto de vista histórico, un elemento substantivo da nosa propia cultura e que se proxecta no noso presente e no que podería ser outro futuro noso.