Fun Home. Unha familia traxicómica, de Alison Bechdel

Alison Bechdel

Fun Home. Unha familia traxicómica (tradución de Belén Poutón)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 2018, 240 páxinas, 19 €

 

Neste mesmo blog, aló polo mes de setembro, daba conta da aparición desta tradución na colección “Novela gráfica” de Rinoceronte Editora. Devoto seguidor das novidades desta colección lino hai algún tempo e cómpre xa deixar aquí algunha reflexión ao fío desta nova achega.

Fun Home. Unha familia traxicómica, de Alison Bechdel, que conta cunha recente adaptación nun musical, talvez constitúa unha das entregas da serie máis particulares e singulares, se cadra polo pouso memorialístico e confesional que encerra. Por estas páxinas circula unha sorte de (auto)biografía que nos achega ao perfil vivencial da súa autora, á descuberta da súa sexualidade tan intimamente ligado á procura dun lugar propio no mundo das persoas adultas. Todo isto inserido no relato -dalgún xeito traxicómico- que deseña o universo cotián da súa familia e, sobre todo, a relación co seu pai -define as vivencias entre eles dous como “inversións un do outro”- xustamente antes de que este se suicidase: un pai solipsista, profesor de inglés e responsable dunha funeraria , de quen descubrirá a súa homosexualidade oculta publicamente mentres que a súa nai persistía nunha actitude preocupada en gardar as aparencias dun matrimonio condenado ao fracaso.

Un dos elementos máis atractivos desta novela gráfica, alén dos recursos plásticos innovadores, é a presenza da ironía, o relato -coido que moi importante- do que chama “as humillacións persoais e as pequenas vitorias” e a relevancia que posúen as identidades, a morte ou o espírito de resistencia sen esquecer, ao tempo, esa recorrente apelación á literatura universal presente ao longo de todo o argumento, sexan estas referencias de libros que a protagonista ou seu pai len ou desexan ler, ou mesmo como determinados acontecementos gozan dun correlato na literatura: velaí como ao seu pai lle chama Dédalo polo insistente devezo de cambio que atesoura ou a devoción case enfermiza do pai por Scott Fitzgerald, alén do diálogo constante con obras de Proust,  Óscar Wilde ou, con insistencia, con O vento nos salgueiros, entre outras moitas voces e pezas literarias.

Unha proposta, en fin, emocional e intensa ao mesmo tempo, que entendo como moi recomendable.