Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Carne da minha carne, de Susana Sánchez Aríns

Susana Sánchez Aríns

Carne da minha carne

Apiario, 20 páxinas, 12 €, A Coruña, 2018

 

Fabulosa, para as persoas que amamos os libros, é a colección “Pan de abella” de Apiario que recupera a fermosa tradición das “plaquettes” tan pouco transitadas na nosa tradición.

Nesta ocasión Susana Sánchez Aríns subscribe Carne da miña carne: un pequeno feixe de composicións no que é fundamental, ao meu ver, a orientación que latexa desde o seu propio título e que, sospeito, parte dese fragmento do Xénesis no que Deus tira unha costela a Adán, modela a Eva, e o seu compañeiro afirma,  supoño que moi satisfeito que agora ela si é óso dos seus ósos e “carne da miña carne”, para logo chamala muller porque foi extraída do home. O libro, así pois, bebe destas fontes e mesmo abraza, en ocasións, algunhas fórmulas propias de discursos relixiosos, precisamente, para subvertelas, para desacralizalas con ironía, para darlles outro sentido, para cuestionar as consecuencias deste rol tradicional e patriarcal e, sobre todo, para situar o doméstico como núcleo simbólico desde onde se fía todo o demais.

E onde mellor cuestionar o sentido da tradición que nese ámbito, que é tamén o do cotián e do persoal? Este é un libro onde abrolla a memoria íntima, cruzado asemade pola percepción do paso do tempo, polo eco que deixan as ausencias, pola pegada que xeran as cousas, os sons, os acenos e as imaxes que persisten malia todo. Todo por xunto construído para deseñar un universo íntimo e á vez colectivo dotado doutra ollada, isto é, daquela que se dirixe a onde, probablemente, radica o centro do mundo -ben sabemos que é esa cociña desa casa do Foxo “transmutada” por seguir con linguaxe relixiosa noutro símbolo- a través do traballo solidario das mulleres e, concretamente, aquel que fai posible o alimento: ese “prodixio” cotián, ese pan creado na cociña da aldea, talvez porque esa si é a verdadeira creación.

 

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 27 Decembro 2018 por en Literatura galega,Poesía , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: