14 poemas, de Avelino Díaz

Avelino Díaz

14 poemas

Editora 3d1t0r4, Poio, 232 páxinas, 18 €, 2017

 

Sabía da existencia da  Asociación Cultural “Avelino Díaz” que leva tempo coa honrosa pretensión de actualizar e difundir a vida e a obra de Avelino Díaz Díaz, poeta que nacera en Santa Comba da Órrea – Riotorto,  que pasou boa parte da súa nenez en Meira e que, finalmente, emigraría sendo adolescente a Buenos Aires, onde desenvolvería unha intensa actividade xornalística e literaria.

Desde a devandita Asociación afirmábase, con razón, que “a súa obra é, se cadra, máis coñecida en América que en Galicia. A pesar diso, trátase dunha obra de calidade que sen dúbida merece unha investigación demorada”.

En efecto, boa mostra do sinalado encérrase neste libro, ao que cheguei grazas a unha man amiga hai poucos días. 14 poemas é unha edición crítica, con traducións ao alemán, español, francés e inglés, de catorce composicións que Avelino Díaz lle enviara a Filgueira Valverde en marzo de 1936. Estas composicións estaban destinadas a ser incluídas na Escolma da lírica galega que proxectara o Seminario de Estudos Galegos para celebrar o centenario de Rosalía de Castro en 1937, e que nunca puido ver a luz por mor do estoupido da guerra civil.

A presente edición, moi coidada esteticamente, articúlase baixo a responsabilidade do profesor Benigno Fernández Salgado, que subscribe ao tempo un documentado e completo estudo previo, alén de ofrecer un modélico traballo ecdótico e crítico. Ao mesmo tempo cómpre citar as traducións ao alemán, español, francés e inglés dos poemas de Avelino Díaz a cargo de John Rutherford, Fina Penalta, Edmond Ferly e Tina Poethe.

Convido a coñecer esta poesía deste autor tan descoñecido aínda hoxe, que cualificaba a súa propia obra lírica, con acerto, como “social”, “idealista” e “humana”. Para min supuxo un verdadeiro achado atopalo neste libro que, sen dúbida, posibilita achegarse ás súas modulacións da súa voz e difunde, con rigor, unha obra merecente de maior atención crítica.