Caixa de libros (XII): novidades en Alvarellos Editora

Recibiu o Caderno da crítica, este derradeiro día do ano, algunhas novidades de Alvarellos Editora das que deixo constancia aquí. Catro libros de carácter distinto onde destaca unha fermosa edición facsimilar dos Seis poemas galegos de Federico García Lorca que inclúe, ademais, unha galería fotográfica  ao coidado de Henrique Alvarellos que recolle as fotografías do poeta en Galicia e a historia de cada unha delas.

Tampouco resulta menos atractivo o título Galaicos. Un pobo entre dous mundos, coeditado coa Deputación de Pontevedra, unha guía que amosa 2000 anos de historia de Galicia, desde a Idade de Bronce ata o primeiro cristianismo, reparando en vinte xacementos da provincia de Pontevedra. Asemade chega tamén unha peza teatral –Memorias da árbore da noite triste– a cargo de Fátima Rey que recrea as derradeiras horas de Valle Inclán e, por último, as Memorias dun loitador antifranquista, froito dunha longa entrevista que lle realizou Antón Santamarina a David Álvarez Carballido, nunha edición ao coidado de Anahí Almasia e Mariela Sánchez que conta cun limiar de Xesús Alonso Montero. A miña gratitude.