Macedonia de versos, de Concha Blanco

Concha Blanco

Macedonia de versos (ilustracións de Lidia Nokonoko)

Aira Editorial, 36 páxinas, 16 €, Allariz, 2018.

 

A derradeira entrada de ano deste blog ocúpaa este libro da escritora ceense Concha Blanco, que abriu tantos camiños e segue a transitalos, editado por Aira Editorial, con orixinais ilustracións a cargo de Lidia Nokonoko.

Baixo o título de Macedonia de versos articúlase un álbum infantil, ao meu ver, intensamente traballado e maduro e que achega o universo das froitas a un lectorado novo, a través dunha linguaxe próxima e desenfadada. Das amoras ás ameixas, das cereixas aos figos, das mazás ás uvas, entre outras froitas, velaquí unha maneira amena de visualizar un recurso alimenticio tan en horas baixas para o mundo das cativas e dos cativos. Unha estupenda oportunidade para poñelas en valor a través da literatura, para coñecer os seus distintos nomes, a gastronomía ou a cultura popular que se tece arredor delas e que conta, por outro lado, cun apoio utilísimo en forma de unidades didácticas, nada habituais para este tipo de libros. Un libro  dalgún xeito circular pois é tamén unha cesta chea de dezaoito froitas, de dezoito poemas, que a lectura permite ir baleirando para volver enchela sempre.