Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

“o día que ti naciches / houbo estranas sinales no ceo”

Así escribiu Celso Emilio Ferreiro nun poema o que a súa nai, Obdulia Miguez Buján, lle contou sobre o seu nacemento que se produciu un catro de xaneiro de 1912. Celebramos hoxe un novo aniversario do seu nacemento e facémolo co poema “O atraco”, poema censurado no seu día e que non perdeu, paréceme, a súa plena vixencia. Sempre coa memoria de Celso Emilio.

 

O ATRACO

Non é certo que o home
descende do gorila.
Pero hai moitos gorilas
que descenden do home.

Mans arriba e boca abaixo o pobo.
Vimos a instalar o silencio,
cero preguntas, cero movementos,
porque isto é un atraco, estades a ver
as pistolas de gatillos propensos
a darlle gusto ao dedo.
Ao menor xesto
todos interfectos
sen distinción de sexos.

Porque este é o remedio
infalible e concreto
para impoñer a lei do retroceso,
o principio do pau e tente teso,
o salario do medo,
o debido respecto
ás armas e aos seus eventos.

Mans arriba e boca abaixo o pobo,
non perdamos máis tempo.
Controlaremos
as bolboretas e o vento,
as cópulas, os rezos,
a luz e o alimento.

Degolaremos
o pensamento.
Enxertaremos
a rosa remisa dos soños,
con alcumes abxectos
e serán nosos,
os vosos esqueletos.

Tan só vos deixaremos
os ollos, para que choredes por eles.

Advertisements

Un comentario en ““o día que ti naciches / houbo estranas sinales no ceo”

  1. ramón galego
    4 Xaneiro 2019

    acredito e concordo plena vixencia a CEF por sempre na modernidade da súa intemporalidade
    súdos fraternos

Os comentarios están pechados.

Información

Esta entrada foi publicada o 4 Xaneiro 2019 por en Divulgación,Literatura galega,Poesía , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: