Linguaxes dixitais, de Clara Vidal

Clara Vidal

Linguaxes dixitais

Urutau, Brasil-Galiza, 52 páxinas, 12 €

 

Asómase Clara Vidal ao ámbito da poesía galega, en forma de libro publicado independentemente, con Linguaxes dixitais: un volume, ao meu ver, maduro, intenso, que revela unha voz que vén transitando polo ámbito da creación desde hai ben tempo e que, por fin, anuncia ou comeza unha traxectoria pública á que será preciso prestarlle atención porque entendo que irrompe con orixinalidade e unha inequívoca intención de permanencia.

Vidal ofrece, así pois, aquí un exercicio meditado e intenso no que se advirte, dalgún xeito, un proceso de reapropiación da linguaxe, que se expresa corporal e musicalmente, criterios que ordenan con solvencia os poemas que compoñen o libro e que deseñan estrutural e tematicamente, unha lectora ou un lector, isto é, un instancia receptora activa, que cubra lagoas, que interprete libremente cada palabra, cada verso.

Sinala Emma Pedreira nun texto ad hoc que ocupa as lapelas do libro que nel se fala “do eu, do nós e do desexo” e, sen dúbida, así é. Os poemas habitan, por si mesmos, eses espazos particulares e colectivos e abanean, ademais, desde as instancias do tanxible ao imaxinado ou soñado nun sentido ascendente para cuestionarnos as nosas propias raíces, momentos, experiencias, olladas ou acenos…, poemas sempre gobernados por unha inequívoca tonalidade común que lle outorga a concisión ou a brevidade se quere, onde os espazos, se se quere os silencios, cumpren unha función significativa de pausa ou reflexión, complementada en ocasións con notas de carácter filolóxico que, particularmente, foron do meu gusto persoal pois sempre enriquecen e amplían a dimensión semántica do propio poema.

1 Comment

Os comentarios están pechados.