Novidade (73): Se isto é un home, de Primo Levi

Como unha moi feliz noticia entendo a aparición, en lingua galega, do célebre Se isto é un home, de Primo Levi, en tradución de Xoán Manuel Garrido Vilariño, responsable, asemade, dun interesante e completo epílogo que precede, ao mesmo tempo, un apéndice en que o propio Levi responde as preguntas máis recorrentes que ao longo de moitos anos se lle formularon sobre a súa experiencia vital e sobre o propio libro.

Garrido é unha das máximas autoridades galegas sobre o Holocausto e, talvez, unha das persoas máis acaídas para levar a cabo a tradución do que me parece un dos libros máis necesarios e estarrecedores sobre as consecuencias do antisemitismo nazi e da negación e exterminio do ser humano polo propio ser humano. Se isto é un home, particulamente un dos libros que máis pegada deixou en min como lector, é un libro de obrigada lectura ou relectura nestes tempos convulsos. Volverei a el máis amplamente en breve. Parabéns por esta iniciativa.

2 Comments

Os comentarios están pechados.