A gotiña viaxeira, de Toño Núñez

Toño Núñez

A gotiña viaxeira (ilustracións de Miguel Anxo Macía)

Fervenza Edicións, Silleda, 32 páxinas, 18 €, 2018

 

Non se asoma por vez primeira, en absoluto, o autor de Navia de Suarna á creación na literatura infantil como ben amosa o seu amplo e vizoso currículo creativo.

Nesta ocasión faino cun proxecto de carácter global e totalizador que suma texto, imaxes e música a través dun coidado cedé que inclúe unha proposta audiovisual con imaxes, a narración do relato e mais unha canción interpretada por Iria Estévez.

A gotiña viaxeira, así pois, é un bo exemplo de como, en tantas ocasións, as ideas sinxelas poden ofrecer un resultado magnífico, desta vez nun formato de álbum ilustrado.

Toño Núñez idea unha historia deliciosa protagonizada por unha pinga de auga que, envolta no recurso da prosopopea, traza un percorrido vital circular, aventuras e desventuras polo medio. Argumento peneirado, así pois, por unha visión optimista e vitalista onde non faltan  sorpresas, unha palmaria estrutura rítmica e, ao tempo, un innegable pouso didáctico que pasa por salientar valores como a solidariedade, a amizade e, sobre todo, por transmitir unha inequívoca preocupación ecolóxica. Parabéns ao naviego Toño Núñez por esta completa iniciativa, indubidablemente unha historia que reflicte moitos amores: convido a coñecelos.