O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio M. Fraga

Antonio M. Fraga

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa (ilustracións de Víctor Rivas)

Urco Editora, Santiago, 253 páxinas, 14 €, 2018

 

Os chanzos que vai percorrendo un traballo creativo,  como o que representa a voz de Antonio M. Fraga (Pontedeume, 1976), sitúanse desde hai algúns anos nunha progresión claramente ascendente, sexa no xénero que sexa e, teño para min, guiado sempre por un propósito de autoesixencia merecente de recoñecemento.

Nesta ocasión o autor achégase a un lectorado xuvenil nunha proposta  fronteiriza co público adulto, formulando un argumento complexo na súa ideación mais solventado con inequívoca pericia, alén de presenciarmos unha alta e engaiolante forza descritiva tanto no que se refire ao coidado deseño das atmosferas como dos personaxes descritos con profundidade psicolóxica. Complexo porque este libro incorpora varias tramas inmellorablemente ensambladas que, por extensión, renden tributo á científica galega Ángeles Alvariño e á mestra Elvira Bao, isto é, ao mundo da investigación e da docencia representado polo traballo de mulleres pioneiras. Unha desas tramas repousa na intención de proxectar unha ollada que actualiza felizmente ese corpus de libros tan descoñecidos como foron os Bestiarios, isto é, eses compendios de animais fabulosos que aquí volven cobrar vida a través de lectura dun caderno marabilloso que enxalza unha visión naturalista e fantástica co obxectivo de dirixir a ollada a este elemento tematicamente tan suxestivo -como no seu día recrearon Cunqueiro, Borges ou Tolkien- para traer ao noso lado un mnllo de seres tirados, neste caso, do imaxinario tradicional, mitolóxico e fáunico galego, traducidos en imaxes verdadeiramente engaiolantes e sedutoras da man de Víctor Rivas.

Mais este é un dos fíos argumentais que vai entretecendo con outros que nos sitúan nos primeiros anos da II República no Sanatorio Marítimo de Oza onde ingresaban mozas e mozos con problemas de saúde. Será aí onde xurda outra trama protagonizada por dous adolescentes, deseñada con naturalidade e transparencia, que convido naturalmente a coñecer pois tamén nela non faltan os ingredientes precisos para converter este libro nunha lectura de referencia no seu xénero.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 25 de xaneiro de 2019.