Unha longa viaxe, de Daniel H. Chambers e Federico Delicado

Daniel H. Chambers e Federico Delicado

Unha longa viaxe (tradución de Xosé Ballesteros)

Kalandraka, Pontevedra, 48 páxinas, 15 €, 2018.

 

Este vindeiro mércores día 30 de xaneiro celebrarase unha vez máis o “Día escolar pola paz e a non violencia” e lembrei esta lectura, que fixen cando recibín este álbum ilustrado pero da que non puiden escribir unhas palabras ata hoxe.

Unha longa viaxe, de Daniel H. Chambers e o ilustrador Federico Delicado, é un libro destinado a perdurar, deses que cómpre non perder de vista entre outras razóns polos resultados espectaculares que deita, por un lado, o traballo de Delicado que outorga un significado simbólico ao emprego da cor ou do branco e negro e, polo outro, o discurso esencialista, depurado, sen concesións, de Chambers, que artella unha historia bimembre protagonizada polas migracións. Migracións de aves, por un lado, que procuran o sur, mais tamén de tantas persoas, que se dirixen a un norte devecido e obrigadas pola guerra, a quen ese proceso que é a perda das raíces cómpre engadirlle os riscos, precisamente, que encarna unha “longa viaxe” para chegar, dalgún xeito, a unha fronteira, na realidade un ningures construído por altos muros, por barreiras visibles e invisibles. Aves e persoas cruzaranse nun punto do mar, mais a súa sorte será diferente.

Un libro para todas as idades e acaído para un trinta de xaneiro, mais tamén para todos os días.