Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo, de Héctor Cajaraville

Héctor Cajaraville

Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo

Xerais, Vigo, 112 páxinas, 12,50 €, 2019

 

Primeira monografía, que eu saiba, sobre Antonio Fraguas neste 2019 en que a RAG acordou celebrar o Día das Letras na súa memoria. Exerce de biógrafo, e divulgador, Héctor Cajaraville no que creo que é o seu primeiro traballo deste xorne titulado Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo e que integra non unicamente un traballo de carácter canónico que avanza linealmente afondando no deseño da súa vida e achegas intelectuais -destinado en primeira instancia á divulgación para unha franxa do lectorado máis novo- senón que introduce, ao tempo, un coidado feixe de textos redactados en primeira persoa nos que Cajaraville cede a voz, ficcionalmente, ao propio Fraguas para que este se estenda sobre aspectos relevantes da súa vida e que, particularmente, foron moi do meu gusto.

O traballo do autor paréceme moi documentado e, ao tempo, sitúase nese punto xusto que facilita un achegamento á figura de Fraguas susceptible de múltiples lecturas, isto é, operativo para quen non coñeza absolutamente nada sobre o polígrafo que atesourou tantos saberes en historia, etnografía, xeografía ou arte entre outras disciplinas como para quen xa se manexe con certa solvencia na dimensión humana e intelectual do autor de Cotobade.

Penéiranse, neste libro, os principais socalcos vitais de Fraguas, da infancia en Cotobade á formación en Pontevedra e Santiago, da participación nas angueiras do Estatuto do 36 á posterior represión que sufriu, dos seus traballos de investigación ao seu compromiso irrenunciable coa lingua galega e, sobre todo, á súa verdadeira vocación como foi a profesión docente: un elemento clave, paréceme, que condicionou e determinou a súa vida e que resulta un elemento que cómpre subliñar na conformación do seu legado, como se fai con acerto neste libro.