Os bicos feridos, de Anna R. Figueiredo

Anna R. Figueredo

Os bicos feridos

Galaxia, Vigo, 396 páxinas, 22 €

 

Debuta na narrativa Anna R. Figueiredo con Os bicos feridos: unha solvente e afortunada proposta galardoada no I Premio Viadutos de Novela

 

No epílogo deste libro sinálase que deixamos os “recordos en calquera lugar” e que, ao final, todo o impregnan, e malia pensar que iso non importa o certo é que están na mesma linguaxe. Os recordos están, pairan nas páxinas e na propia linguaxe, diría eu, deste Os bicos feridos.

Ese é un dos camiños recreados, mediatizados naturalmente pola ficción, que presenta a autora nunha obra que supón unha envexable e suxestiva carta de presentación na narrativa galega que xira, dalgún xeito, arredor da figura fascinante de Olivia: unha moza que, tras formarse academicamente con brillantez, emigra a Londres onde traballará como “au pair” e limpadora. Será Olivia, deseñada con gran profundidade psicolóxica, quen vaia resultar clave para achegarse, grazas á evolución argumental, a unha multitude de asuntos entre os que non resulta menor, loxicamente, o que fai dirixir a ollada ao universo das migracións contemporáneas, mais tamén ao que ten que ver coa experimentación da soidade nunha cidade afastada e descoñecida, coas dificultades das relacións familiares e, mesmo, con aquilo que ten ver cos diversos temores que todas e todos podemos, nunha determinada altura da nosa vida, sentir.

A novela presenta, así pois, un nobelo de fíos argumentais entre os que salienta, por forza propia, o que podemos vincular co do misterio tras a morte doutro personaxe de evocación perdurable como é Samuel. Así, as páxinas de Os bicos feridos constrúense grazas a unha serie de diversas voces narrativas, tratadas con solvencia na súa singularidade, onde a presenza de recursos como son o uso das redes sociais ou ese continuo, e marabilloso, pano de fondo musical sempre presente, conforman unha novela intensa, xestada con vagar como ben se amosa no uso dunha prosa coidada e de alto poder metafórico que redescobre un Londres distinto na nosa tradición ao que retratara, con tanta lucidez, Camilo Gonsar no seu Cara a Times Square. Pola nosa parte xa á espera de ver a continuidade deste camiño iniciado.

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 1 de febreiro de 2019.