O ladrón de voces, de María Canosa

María Canosa

O ladrón de voces (ilustracións de Noemí López)

Edicións Embora, Ferrol, 36 páxinas, 14 €, 2018

 

Enriquécese a colección “Fardel de soños” de Edicións Embora cun novo título  –O ladrón de voces– que chega da man de María Canosa e acompándose dun gran traballo da ilustradora lucense Noemí López.

Nesta ocasión, Canosa desenvolve unha historia protagonizada por Marcos e Sofía, personaxes ambos os dous gobernados polo desexo de soñar e que simbolizan ou encarnan, se se quere, o poder da imaxinación. O primeiro vive co propósito de ser un cazador de nubes e poder levalas a onde fagan máis falta e a segunda apaixónase polo universo das estrelas ata que un suceso como é a perda da voz, que non das palabras, deles e doutros compañeiros e compañeiras, obriga a que os seus esforzos converxan para viviren unha aventura conxunta que os conducirá a resolver unha intriga, precisamente, con grandes doses de imaxinación e enxeño.

Un álbum ilustrado, finalmente, suxestivo e con posibilidades efectivas para teatralizar a súa lectura.