In memoriam. Homenaxe á investigadora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, VV.AA. (separata da revista Madrygal, nº 21, 2018)

Recibo unha separata da vixésimo primeira entrega de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, que edita o Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense de Madrid. Trátase da primeira achega ensaística que homenaxea, grazas ao labor de coordinación da profesora Patricia Arias Chachero, a dimensión intelectual de VIctoria Álvarez Ruiz de Ojeda que nos deixou, prematuramente, en setembro do ano pasado.

Este monográfico exhuma dúas investigacións inéditas da propia profesora falecida sobre os avances na investigación rosaliana, por unha parte, e sobre “o centenario da Real Academia Gallega” por outra, que entendo como achegas absolutamente esenciais neses dous focos literarios e culturais de interese pero, ademais, supón un traballo de urxencia e, asemade, rigoroso -tampouco oculto que para quen escribe isto lido desde as instancias da emoción-, que pon no seu lugar e divulga xustamente o perfil investigador da autora viguesa.

Deste xeito, o opúsculo -ademais dunhas observacións previas a cargo da coordinadora, que, sinala acertadamente que este é o “inicio (…) dunha reparación e dun recoñecemento”-  ábrese cun pequeno texto do profesor Xesús Alonso Montero que percorre a traxectoria intelectual e investigadora de Victoria Álvarez e descobre, para quen o descoñecese, unha parte do seu relevante traballo que reparou, ademais, en tantas frontes, non só no de Rosalía de Castro, ámbito no que brillou como unha das nosas máximas especialistas.

A continuación Patricia Arias Chachero é quen ofrece o que entendo como a achega máis extensa e, sen dúbida, rigorosa das existentes sobre Victoria Álvarez na que alén de diversos datos biográficos -para min moitos deles ignorados- realiza un exhaustivo e documentado percorrido pola produción ensaística -coñecida- da autora, salientando non só o que supuxeron os seus avances na investigación arredor de Rosalía de Castro senón tamén noutra orde de estudos sobre voces das nosas letras, alén de informarnos sobre o que nos queda por coñecer tal e como se avisa na sección de “inéditos” dunha utililísima bibliografía final. Neste sentido fago miñas as acertadas palabras da profesora Arias cando sinala que ela  fixo “que a historia da literatura galega fose mellor e máis precisa. Demostrándonos, ao resto dos investigadores, a relevancia dun traballo rigoroso e ben documentado”.

Dous precisos traballos a cargo de dúas rosaliólogas extraordinarias como son María do Cebreiro Rábade Villar e de María Xesús Lama, alén dun poema de Luz Pozo dedicado á autora falecida, poñen o ramo a un monográfico que, estou certo, é o primeiro paso dun proxecto ambicioso que situará á investigadora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda nese lugar cimeiro que por constancia, talento e erudición sempre lle correspondeu e que sempre ocupou, malia que non se lle recoñecese.

Achego, finalmente, e en recoñecemento de Victoria Álvarez, un documento fotográfico que moito estimo e que corresponde á presentación conxunta que realizamos Victoria e mais eu, xunto co profesor Xesús Alonso Montero , o 12 de xullo de 1994, na Galería Sargadelos de Vigo, daquela situada na rúa Dr. Cadaval. Dabamos á luz pública senllos libros de conversas con Blanco-Amor e Cunqueiro, que viron a luz grazas á editorial Nigra, dirixida por Gonzalo Allegue. Talvez os primeiros libros que presentamos publicamente tanto Victoria coma min.