Novidade (81): En el vuelo de la memoria. Antología para Ángel Campos Pámpano

Recibe o Caderno da crítica, desde a Editora Regional de Extremadura, o volume En el vuelo de la memoria. Antología para Ángel Campos Pámpano. Velaquí unha colectánea poética que rende tributo ao poeta, tradutor e activista cultural estremeño Ángel Campos, onde todas as composicións conteñen algún verso deste e que aparece prologada polo meu estimado Suso Díaz e mais por Miguel Ángel Lama e baixo a coordinación do poeta galego radicado en Mérida.

Alégrame constatar o recoñecemento que se ofrece a unha persoa que desempeñou un papel clave na difusión da cultura de expresión portuguesa no estado español e, ao tempo, verificar o espírito plurilingüe deste libro onde atopamos estimables composicións en lingua galega coma as que subscriben Suso Díaz, Antonio García Teijeiro, Baldo Ramos ou Helena Villar Janeiro, voces que -todas elas- me resultan próximas e admiradas. Os meus parabéns por este proxecto que chega a bo porto nunha edición, ao tempo, moi fermosa.