Dise, moitas veces, que nos libros que alguén escribe repousa o eco de quen os escribe. Digo isto a propósito do falecemento do escritor Antonio Lozano, a quen non coñecín persoalmente, mais de quen tiven a sorte de traducir, non hai moito tempo, unha novela súa á lingua galega como foi Nelson Mandela. O camiño cara á liberdade.
O orixinal da novela de Lozano, no fondo o propio Lozano, acompañoume durante moito tempo e, a través das súas palabras, dese universo que creou coa figura de Mandela ao fondo, non me foi difícil descubrir o seu talento para a creación literaria e, sobre todo, como se revelaba, liña a liña, o seu compromiso coas causas máis xustas. Que a terra lle sexa leve.