Números vermellos, de Ana Fontenla

Ana Fontenla

Números vermellos

Galaxia, Vigo, 128 páxinas, 14 €, 2019

 

Por veces ocorre que un dá con algún libro que posibilita tirar a conclusión de que nel se encerra algo distinto, se se quere que nel asoma un factor singularizador e, dalgunha maneira, enriquecedor.  Iso pasoume con Números vermellos: un volume que supón o primeiro libro publicado por Ana Fontenla (Vilagarcía, 1992) e que, probablemente sen pretendelo, ou se cadra si, ofrece unha revisión honesta e palmaria das vivencias e experiencias dunha xeración marcada pola precariedade -aínda que non só- enfrontada sempre cunha actitude resistente, ironicamente distanciada e crítica. Fontenla faino con transparencia, sen ambaxes, co uso dunha linguaxe directa, desinhibida, allea a tabús e, por riba, acompañada de moitas doses de humor.

É esta unha proposta, así pois, construída fragmentariamente por unha colectánea textual, levada da man dunha voz narradora que se manifesta, confesionalmente, a través de relatos -máis ou menos canónicos-, pasando por poemas, diálogos, aforismos, pensamentos ou monólogos que constrúen ou deseñan máis aló dunha personaxe todo un tempo. Números vermellos acaróase, en ocasións, ao ton memorialístico e experiencial, mais apunta sempre a outras realidades como as dificultades que arrostran crecer, ser muller ou acadar a independencia; tamén fala da experiencia migratoria, do propio corpo, de obsesións alimenticias ou consumistas…, talvez fale de  intentar vivir con dignidade, sen esquecer articular, por inmanencia, unha descrición crítica, por veces demoledora, da nosa sociedade.

Este libro paréceme que abraza unha nova sensibilidade: descobre unha nova voz singular -véxase o texto “Aguacate” que encerra, dalgún xeito, unha poética persoal-, formula moitas preguntas por veces sen resposta ou, se cadra, así dispostas para que as respondamos nós. Un libro marabillosamente heterodoxo e iconoclasta. Sexa benvido.