O segredo de avó oso, de Pedro Mañas e Zuzanna Celej

Pedro Mañas

O segredo de avó oso (ilustracións de Zuzanna Celej, tradución de Manuela Rodríguez)

Kalandraka, Pontevedra, 2019, 40 páxinas, 15 €

 

Suscita afección ao xénero dos álbums ilustrados este O segredo de avó oso que chega da man de Pedro Mañas con ilustracións -magníficas- de Zuzanna Celej, sobre todo porque abraza unha concepción discursiva disposta, a meu entender, como un texto poético segmentado, onde a interpretación de Celej resulta todo un achado nun reto pragado de dificultades que solventa cun xogo de encadres sorprendentes e cunha solución final que convida a reparar nos pequenos detalles.

O relato márcase desde o comezo pola adopción dunha perspectiva  acumulativa de prosopopeas e metáforas humanizadas que se incardinan, entre nós,  na espléndida tradición de Luís Amado Carballo e da súa escola hilozoísta. Pasado tanto tempo desde aquelas incursións poéticas nos tempos das vangardas históricas galegas Mañas sabe ben actualizar e potenciar eses recursos facendo que converxan e escintilen no seo dunha sorte de fábula, representada nun oso e un corvo, agora sen conclusión moral e con moito de renovación xenérica, un chisco melancólica no seu remate e, ao tempo, verdadeiramente marabillosa.